19 sept. 2016

CREAR LIBROS INTERACTIVOS CON BOOK CREATOR











Esta app con versión gratuita e de pago permite crear libros interactivos en variados formatos (vertical, cadrado, apaisado; en branco ou con disposición de cómic).

Centrarémonos agora na creación de libros alleos ó cómic. A aplicación permítenos:
      • Engadir imaxes e vídeos (xa sexan recollidos previamente no carrete do ipad; xa sexan tomados directamente coa cámara do mesmo).
      • Debuxar.
      • Engadir texto.
      • Engadir son. 
      • Engadir diversas formas.

Unha vez creado o noso documento podemos exportalo en tres formatos diferentes:
      • Como formato ePub (para poder lelo en iBooks).
      • Como PDF.
      • Como vídeo.
Observaremos que o formato PDF é ideal cando non se inclúen vídeos nin audios no documento, xa que estes se perden . 





En caso de incluír contido audiovisual, o formato vídeo (subido a Youtube) resulta a opción máis axeitada.


11 sept. 2016

CARTEIS DIXITAIS CON SKITCH






Á hora de abordar o Fomento da lectura, existen múltiples posibilidades. Por que non propór ós lectores un cartel dixital no que reflicten as frases que máis lles gustaron?

Skitch é unha app multiplataforma vencellada a Evernote que nos permite incorporar imaxes, debuxar e escribir. Nesta ocasión, empregando a portada da novela Dos años, ocho meses y veintiocho noches, de Salman Rushdie, teño elaborado este cartel dixital. Trátase dunha obra que, tomando como modelo As mil e unha noites, reivindica o poder dos contos, dos seres máxicos e da filosofía, o que permite ó autor achegarse ás claves dunha realidade que non sempre comprendemos.



6 sept. 2016

REALIDADE AUMENTADA PARA FOMENTAR A LECTURA






Probablemente, a realidade aumentada tiña no seu inicio unha intención informativa. Nos últimos meses, co Pokemon Go, asistimos ó furor dun xogo baseado nela. Por que non aproveitar estas oportunidades que se nos brindan para, tamén, fomentar a lectura?

Existen numerosas obras literarias que constitúen un auténtico paseo ó longo do mundo. Unha delas é Os fillos do mar, a novela de Pedro Feijoo ambientada en Vigo. Unha obra que ten sido obxecto de clubes de lectura e paseos literarios. Aumentar a realidade incorporándolle fragmentos da novela semella un xeito orixinal de fomentar a lectura. Iso é o que teño pretendido creando unha ruta coa aplicación gratuíta Geo Aumentaty, dispoñible para ordenadores e dispositivos móbiles.

Empregando esta ferramenta, teño creado unha ruta literaria coa que percorrer as rúas de Vigo mentras coñecemos algúns dos lugares onde se desenvolve a novela.

O proceso ten dúas partes: 

1. Crear a ruta e os pois (puntos de interese). O proceso resulta moi sinxelo, e está perfectamente explicado na páxina web anteriormente citada. O interesante desta aplicación é que podemos incluír materiais de formato variado: imaxes, documentos, vídeos e audio.

2. O usuario deberá descargar no seu dispositivo móbil a app Geo Aumentaty, a través de Play Store ou de App Store, segundo empreguemos Android ou iOS.

3. O seguinte paso será atopar unha ruta. Para iso temos varias opcións:
 

      • ubicación
      • rutas favoritas (estará baleira mentras non seleccionemos ningunha)
      • rutas mellor valoradas
      • rutas máis recentes
Para atopar a ruta que teño creado, o mellor será cambiar a ubicación de búsqueda, escribindo o nome da cidade na que se desenvolve esta: Vigo. Como resultado, obteremos un listado no que seleccionaremos a nosa ruta. 




Grazas á app, poderemos localizarnos no MAPA, obter o percorrido que temos que facer (a pé, en coche ou en transporte público) ata chegar a cada un dos puntos, e obter a visión dende o satélite. Podemos compartir a ruta con outras persoas.

E, ó chegar ó lugar, poderemos disfrutar do entorno lendo ou escoitando un fragmento da novela.

Felices e proveitosas lecturas!