30 abr 2012

BIBLIOTECAS ESCOLARES, ¿ENTRE INTERROGANTES...? EN GALEGO

Nos pasados Encontros do PLAMBE, celebrados en Santiago o 19 e 20 de abril, tivemos a oportunidade de escoitar a Elena Martín (catedrática de Psicoloxía Evolutiva e Educación na Universidade Autónoma de Madrid) falar sobre a importancia da avaliación e sobre a competencia de Aprender a aprender.

Elena Martín foi a asesora metodolóxica da publicación Bibliotecas escolares ¿entre interrogantes?, elaborada por Mónica Baró, Inés Miret, Teresa Mañá e Inmaculada Velosillo.

Co gallo da visita de Elena Martín, as Asesoras de Bibliotecas Escolares, Cristina Novoa e Pilar Sampedro, anunciaron a próxima tradución ó galego desta fantástica ferramenta.

Pois aquí a temos. Froito da colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Fundación Germán Sánchez Ruipérez e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

Para estudiar e reflexionar. 



27 abr 2012

... DE POESÍA

Que idea temos sobre o que pensan os nenos da poesía...?

Ás veces tentamos proxectar os nosos propios gustos ou prexuízos sobre o noso alumnado. E a evidencia, en contra das nosas ideas predeterminadas, dinos que a rapazada goza coa poesía. Mais... como abordar na aula o traballo poético...?

A musicalidade das rimas e dos trabalinguas constitúe un achegamento moi lúdico e efectivo. E se combiñamos lectura e escritura de poemas, o entusiasmo estará garantizado.

A continuación mostramos un magnífico traballo preparado por Loli Crespo Couselo, coordinadora do Equipo de Biblioteca do CEIP Pintor Laxeiro (Vigo). O título non deixa lugar a dúbidas: Xogar para aprender. Aprender xogando. Unha manchea de propostas para traballar a poesía a partir da escritura.

Seguro que nos da un montón de ideas...


26 abr 2012

O QUE É UNHA BIBLIOTECA ESCOLAR



No Congreso Bibliotecas Escolares en Tránsito que se celebrou (con grande éxito) en Santiago de Compostela durante o mes de novembro de 2011 presentouse este fantástico vídeo elaborado pola Asesoría de Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia.

Ademais da súa beleza visual, e de nos proporcionar ideas para a nosa biblioteca, este vídeo constitúe un documento interesantísimo para coñecer (dun xeito resumido e gráfico) cales son as funcións e a orientación que, na actualidade, debe ter unha biblioteca escolar.






24 abr 2012

UNHA PÁXINA TEN SIDO ESCRITA PARA TI



Grazas ó blog da Biblioteca do CPI de Viaño Pequeno (Trazo) coñecimos esta entrevista a Alberto Manguel en El País.

Unha entrevista chea de poesía e de amor polos libros e pola lectura, realizada co gallo da publicación do seu próximo libro, La biblioteca de noche. Unha obra na que o autor se pregunta polo sentido das cosas e na que conclúe que a resposta está nos libros.


Varias son as ideas sobre a lectura que podemos salientar desta entrevista:

      • nun mundo no que prima a présa e o rendemento económico, a literatura esixe lentitude e reflexión;
      • a lectura é unha ferramenta imprescindible para aprender a pensar, e, polo tanto, representa un perigo para todo poder; 
      • este é o motivo polo que os libros nunca se levaron ben co poder, e polo que a historia do libro é paralela á historia da censura;
      • é por iso que a lectura é un acto de rebeldía
      • mais, no futuro, a lectura será tamén un acto de supervivencia, porque só a través dela poderemos coñecer quen somos en realidade. 

Consciente de que, a pesar de todo isto, ninguén pode nos obrigar a amar os libros (igual que ningúen  pode obrigarnos a namorar) conclúe con dúas fermosas sentencias
      • Hai un libro que espera por cada un de nós.
      • Nalgún lugar da biblioteca hai unha páxina que ten sido escrita para nós. 

Mentras non podemos gozar coa lectura do seu libro, déixovos o enlace á entrevista aquí

23 abr 2012

DOCE REFLEXIÓNS PARA FACILITAR UN AMBIENTE DE LECTURA NA ESCOLA



Achégovos este documento que coñecín a través de Emilio Roca, do IES Pedra da Aguia, de Ponteceso. 

Trátase dun Manifesto impulsado por Luis Arizaleta (Navarra, xestor de programas educativos e culturais e educador literario) e outros cinco amigos e expertos en lectura (entre eles o propio Emilio) e asinado por un montón de persoas de recoñecido prestixio que poderedes atopar ó final do documento. 

No documento se nos presentan doce sinxelas reflexións para facilitar un ambiente de lectura na escola. Uns textos para a reflexión, para a avaliación, para a reformulación e para a difusión entre os bibliotecarios escolares, entre os mestres, entre o alumnado e entre as familias. 


Grazas por nos facer partícipes deste agasallo. 





19 abr 2012

COMO APRENDER A ODIAR A LECTURA


En anteriores artigos presentabamos os Dez dereitos do lector, formulados por Daniel Pennac.

Hoxe presentamos un documento que tamén deberamos ter en conta á hora de falar de Fomento da lectura. Nove ideas extraídas dun fantástico artigo de Gianni Rodari titulado Nuevas maneras de enseñar a los niños a odiar la literatura.

Aquí tendes o artigo orixinal.






Kepa Osoro, na web de SOL, fixo a súa propia interpretación do artigo de Gianni Rodari. Podedes lelo premendo aquí

E aquí vos deixo esta presentación que vos permitirá lembrar o esencial.


18 abr 2012

MUSEO DA ILUSTRACIÓN EN LIÑA

Nos magníficos álbumes ilustrados que poboan os andeis de librarías e bibliotecas atopamos auténticas obras de arte que temos que axudar a descifrar, a interpretar e a valorar polos nosos alumnos e alumnas. Para conquerilo, achegámosvos unha estupenda ferramenta: o Museo SOL, que coñecimos a través do blog Lectura Lab.

Unha recopilación en rede na que atoparás 217 ilustradores españois e máis de 4.000 ilustracións recollidas das páxinas de libros publicados por diversas editoriais.

Para disfrutar!

16 abr 2012

COMO NACE UN LIBRO (IMPRESO)

En Bibliotics, o blog de recursos para bibliotecas escolares de Julia González, atopamos este curioso vídeo.

De gran beleza visual, pode ser un fantástico documento para recoñecer un dos aspectos que traballamos na Formación de Usuarios: as partes do libro.

Co título de Birth of a Book, Glen Milner nos presenta o nacemento dun libro impreso: a impresión nas rotativas en grandes "sabas", o corte das páxinas, a elaboración e cosido dos caderniños, a portada, a cuberta, a contracuberta, o lombo...






12 abr 2012

A FAMILIA NA LITERATURA INFANTIL E XUVENIL


A través da prensa tiven coñecemento da celebración, en Vigo, das II Xornadas Internacionais de Crítica e Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil. Nesta ocasión, co título: A familia na literatura infantil e xuvenil. 


Como se abordan os novos modelos de familia na literatura infantil e xuvenil? Como se constrúe o xénero nestas publicacións? Que papel ten a familia nos contos clásicos? Para tratar estes e outros temas reuniranse expertos de Portugal, Brasil, Estados Unidos, Italia e Alemaña.

Segundo ANILIJ, a Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil (organizadora das xornadas), estas están pensadas tanto para investigadores como para estudiantes relacionados con este campo, mestres, bibliotecarios ou mediadores.

As xornadas celebraranse no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, os días 10 e 11 de maio. Toda a información relativa ás mesmas podedes atopalas no seguinte enlace.

11 abr 2012

OS DEZ DEREITOS DO LECTOR




No seu libro titulado Como una novela, Daniel Pennac fai unha acertada interpretación sobre o acceso da xuventude á lectura. Trátase dunha lectura moi lúdica e recomendable. Convídovos a iniciala, se non o tedes feito.

Nesta obra figuran os Dez Dereitos do Lector, que veñen sendo como os dez mandamentos do Fomento da Lectura.

Déixoos aquí para refrescalos (quen xa os coñecera) e, en todo caso, para non esquecelos cando tentemos fomentar a lectura entre o noso alumnado.








10 abr 2012

FOMENTAR A LECTURA A PARTIR DA ORALIDADE


Aló cando non existía a escritura, a literatura transmitíase por tradición oral. Os grupos humáns reuníanse ó redor do lume (ou baixo unha árbore, en lugares máis cálidos) ó chegaren a noitiña. Así, os relatos aprendíanse de memoria e herdábanse de xeración en xeración. E non só os relatos, senon o xeito de contalos.

Porque a narrar tamén se aprende. E este mes temos a oportunidade de facelo da man do narrador camerunés Boni Ofogo, quen impartirá un curso na librería Libros para soñar. Déixovos os datos:

      • Curso: As ferramentas do narrador oral.
      • Dirixido a: docentes, estudiantes de educación infantil, animadores socioculturais e narradores.
      • Datas e horas: 27 (de 17:00 a 20:00 horas) e 28 de abril (de 10:30 a 13:30 horas)
      • Lugar: Libros para soñar (rúa Triunfo - Vigo) 
      • Prezo: 24 €.
      • Prazas limitadas.
Para obter máis información sobre o curso e o ponente, podedes premer neste enlace

Boni Ofogo ten publicado un libro (editado polo Ministerio de Educación) titulado Una vida de cuento. Podedes acceder a unha vista previa do mesmo premendo neste enlace

9 abr 2012

FOMENTAR A LECTURA COAS TICS

Achegámosvos este podcast de Alberto García, profesor de Lingua e Literatura en Educación Secundaria en Asturias.

Aínda que o que nos propón baséase na súa experiencia en Secundaria, penso que inclúe ideas moi acertadas acerca do fomento da lectura que podemos, moi ben, aplicar na Educación Primaria.

Como fomentar a lectura coas obras de lectura obrigatoria? Co tipo de propostas que, moitas veces, facemos, realmente, o único que fomentamos é o aburrimento.

As propostas deste docente, que bota man das TICS, contribúen a fomentar a lectura, a escritura, a creatividade, a expresión oral e a dimensión pública da lectura.

8 abr 2012

2 DE ABRIL: DÍA DO LIBRO INFANTIL

O 2 de abril celébrase (dende 1967) o Día do Libro Infantil. Esta data, concebida para o fomento da lectura entre o público infantil, está promovida polo IBBY (International Board on Books for young people), e coincide coa data do nacemento e Hans Christian Andersen.

Cada ano, publícase un cartel e encárgase un manifesto a un escritor de recoñecido prestixio. Neste enlace podedes ler o do ano 2012, encargado ó mexicano Francisco Hinojosa. 

Por outra banda, Julia González González, do CEIP Mestres Goldar (Vigo) ven de publicar este LIM sobre a figura de Andersen. Un bo xeito de fomentar entre o alumnado a lectura dos contos deste famoso escritor.

Para acceder ó LIM, preme na imaxe.

7 abr 2012

CONTRIBUCIÓN DA BIBLIOTECA ESCOLAR Ó FOMENTO DA LECTURA




Esta publicación de José García Guerrero ven de ser publicada pola Consejería de Educación da Junta de Andalucía. Forma parte da colección creada polos equipos de apoio das BECREA (Biblioteca Escolar, Centro de Recursos para la Enseñanza y el Aprendizaje).

Como os anteriores, un recurso serio a ter en conta para os mestres bibliotecarios.
Podes consultar o documento neste enlace.

6 abr 2012

FORMACIÓN DE USUARIOS DA BIBLIOTECA ESCOLAR


A nosa compañeira Julia González González, do CEIP Mestres Goldar (Vigo) ven de presentar este Libro Interactivo Multimedia (LIM) elaborado por ela para traballar a Formación de Usuarios.

Unha boa proposta para tomar nota e empregar esta ferramenta como un xeito máis de achegar ó noso alumnado a esta tarefa tan necesaria nas bibliotecas escolares.

Para consultar o traballo, preme na imaxe.

5 abr 2012

ORGANIZACIÓN E FUNCIONAMENTO DA BIBLIOTECA ESCOLAR



Esta publicación, editada hai un ano pola Consejería de Educación da Junta de Andalucía, convértese nun manual moi axeitado para todas as persoas que comezan a súa tarefa á fronte dunha biblioteca escolar.

Con claridade, e seguindo unha progresión ordeada e lóxica, explica os pasos a dar para levar a bo término a tarefa encomendada.
Consulta o documento neste enlace.