24 ago 2012

A EDUCACIÓN PROHIBIDA

Recentemente, estreouse este documental que reflexiona sobre a Educación. Eu non puiden acudir ó pase público en pantalla grande. Pero a fantástica Gracia Santorum achegounos o vídeo a través do seu magnífico blog Trafegando ronseis.

Certamente, é un documento moi longo; pero a vantaxe de poder acceder ó vídeo é que podemos cortalo cando queiramos e retomalo en canto poidamos. Quizás por iso, e porque no ordenador a imaxe é máis pequena, fíxoseme moi levadeiro, dinámico e atractivo.

Comeza o documento cunha recreación do famoso Mito da Caverna, de Platón, o cal xa promete. E digo "promete", porque o feito de que alguén poida chegar a pensar que as cousas talvez sexan distintas a como el as percibe sempre é positivo, e, sen dúbida, constitúe o xerme do cambio.

Convídovos, pois, a "perder o tempo" con este documento, a facervos preguntas, a pensar... Como di un dos personaxes da ficción que da unidade ó documental: é unha oportunidade que se nos da... Acaso temos medo a afrontala...?

E logo de "perder o tempo", anímote a contrastar a túa opinión con persoas que xa teñen visto o documental, como o meu amigo Fran Iglesias. Non perdas os xugosos comentarios ó seu artigo.